Newest Post

// Posted by :OGSN // On :domingo, 20 de abril de 2014

#manga #anime #ogsn

Pois fai xa algún tempo da última entrada non ? XD A ver se dou recuperado o tempo perdido hoxe (En principio hai tres entradas previstas para o día de hoxe, esta que xa tiña prevista e dúas sorpresa).Pero bueno, deixémonos de andrómenas(Ou como se escriba a expresión esa ) e falemos o libro que nos ocupa, Ready Player One, libro de ciencia ficción publicado fai xa uns anos que se fixo relativamente famoso : un estudo cinematográfico comprou os dereitos para unha posíbel película. Así, primeiro darei unha liñas xerais do argumento e despois xa me meto máis en materia.

Ready Player One é unha novela de ciencia ficción que nos sitúa nun futuro próximo onde o ser humano vive en cidades superpoboadas ata o punto ter que construír torres de alturas inverosímiles para aloxar a todos. Así, a maioría da xente vive en condicións bastante malas e moitos cuestiónanse se merece a pena vivir nun mundo así, sen esperanza nen soños polos que loitar. Esta visión fai que certo suceso que ocorre anos antes do comezo da historia cobre máis importancia, dado que lle da á xente unha razón, e todo o mundo necesitaba unha. O acontecemento, de xeito resumido , é o seguinte:

No futuro existe un sistema de realidade virtual (estilo SAO) no que os xogadores poden optar por ter unha experiencia totalmente inmersiva e chea de matices nun mundo virtual onde son capaces de interactuar cos seus cinco sentidos co seu entorno e con outros xogadores. Este mundo foi creado por un multimillonario apasionado dos 80 que vivía maiormente recluído , illado e sen maior ilusión que a de facer máis contidos para o xogo. Un día este millonario morre e deixa unha mensaxe: fixo unha especie de "quest" na que se se dan superado certas probas e atopado as pistas ocultas obterase a fortuna completa do difunto.

A xente vólvese tola e métense en masa a xogar ao xogo pero varios anos despois apenas queda unha mínima parte, dado que non houbo avances na "quest" e moitos consideran que foi só un desvarío dun vello tolo....ata que o protagonista da historia atopa a primeira pista e marca o comezo dunha carreira sen freno onde non só está en xogo a recompensa senón o destino do mundo virtual.

Unha vez resumido brevemente o argumento, hai que dicir que o punto máis importante da novela é a relación cos 80. Eu non fun alguén que se criou nos 80 (Máis ben eu son dos 90 XD) pero iso non fixo que collese algunhas referencias e sobre todo aprendese outras moitas. O libro é unha viaxe pola cultura geek desa década con multitude de alusións a libros, películas, series, videoxogos e calquera outra peza de tecnoloxía que un poida imaxinar, mesturado cunha historia na que os protagonistas teñen que buscar pistas nun mundo virtual.
A historia en sí non é especialmente potente se lle quitamos as referencias dado que non é a historia máis novidosa do universo i é altamente predecíbel por momentos ; de feito hai momentos que me resultaron bastante incómodos de ler dado que o autor ten a manía de expoñer o feito e despois explicar a causa con posterioridade, algo que fai que pareza que te saltaches varios capítulos con frecuencia. Dito así non soa mal pero a realidade é que está mal executado.
Á fin é unha novela de aventuras onde se cambia un barco pirata ou calquera outra localización que un poida imaxinar por un universo virtual con tódolos mundos posíbeis: dende o espazo ata mundos cun marcado estilo RPG.

A pesar dos seus fallos a novela é interesante e déixase ler: non é especialmente longa i é unha historia autoconclusiva, algo que valoro moi positivamente dado que a trama non da a sensación de estirarse en ningún momento. Eu recomendo este libro, de Ernert Cline.

PD: Creo que Pattrick Rothfus , o de Crónica do asasino de reis se emocionou demasiado ao dicir que novela podería ter sido escrita por el, creo que a súa obra é notábelmente superior.

Leave a Reply

Subscribe to Posts | Subscribe to Comments

// Copyright © OGSN! //Anime-Note//Powered by Blogger // Designed by Johanes Djogan //